Pido perdón por vivir por encima das miñas posibilidades, alegremente, a treo, sen determe a pensar por un momento que o meu temerario comportamento contribuiría, anos máis tarde, á hecatombe económica e social deste país.
Pido perdón por estudar unha carreira, por atreverme sequera a fantasear con que, no futuro, podería ter un traballo mellor que o do meu pai, meniño da Posguerra e mecánico sen vocación na xa fenecida Pegaso. Pido perdón por desbaldir centos de euros en matrículas, libros, bolígrafos e folios. E por malgasta-los cinco euros que me daba a miña nai para o bocadillo, que debería ser sempre de mortadela e nunca, nunca (Deus, que vergonza) de xamón.
Pido perdón por pretender traballar en algo vagamente relacionado cos meus estudos ou, ao menos, mínimamente cualificado para que cinco anos a base de bocadillos de mortadela e algún de xamón con queixo (aperto de novo ao cilicio) pagasen a pena. Cantas posibilidades de vivir de forma acorde coas miñas posibilidades desaprovechei! Teleoperador! Encuestador! Repartidor de publicidade de academias de inglés! Meter cartas en sobres! Tiven, ceos, o meu propio porvir nas miñas mans e o desprecei nun arrebato xustificable de orgullo, pensando que estas nobres actividades eran traballos temporais! Pido perdón (tecleo agora de xeonllos, mirando para a parede) por crer que merecía algo mellor.
Pido perdón por cubri-lo meu corpo con roupa. Perdoádeme, rógovolo, por cada euro investido en H&M. Por que non vestín ponchos? Un poncho é elegante, digno e de todo compatible coas miñas posibilidades. Colles unha saba, faslle un burato para a cabeza e xa está. Poderia tinguir dalgunha cor o dos domingos, que ata a chusma ha de permitirse de cando en vez a coquetería. Pero… camisetas? Pantalóns vaqueiros? Cazadoras? E (oh, Deus, apiádate de min) un abrigo cada dous invernos? Pero quen crin que era? Un marqués? Un futbolista? Un comentarista da crónica social? Afundo agora a coitela no meu antebrazo e contemplo o correr do sangue, porque calquera sufrimento é pouco para redimir tanta baixeza.
Pido perdón, pido perdón e pido perdón. E aceptarei calquera castigo que queiran, nestes días de xustiza implacable, propinarme os mercados. Pido perdón por ter un ordenador de gama media, por pedir aquela copa de importación na voda do meu cuñado, por invitar a cear en VIP á rapaza da que gustaba (ata o 2x1 das Noites Loucas hai que merece-lo) e por pedir un préstamo para estudar un master, por comprar aquel colchón viscoelástico e non o dos resortes de ferro, que é o que corresponde ós da miña casta; pido perdón por vivir, de cando en vez, moderadamente despreocupado, por non pensar, sen descanso, do día á noite, no porvir; por ler poesía, e non libros de economía; por amar, rir; e por padece-la terrible enfermidade da ilusión.
E é que, agora que penso niso, agora que vexo os noticiarios e leo as últimas análises da recesión e as consecuencias que os desbaldidores como eu imos, co toda xustiza, padecer, doume conta de que non vivín por encima das miñas posibilidades, senón na atmosfera, na estratosfera, no fodido salto ó hiperespazo das miñas posibilidades…
Non tiña ningunha!
No hay comentarios:
Publicar un comentario